Oleiros propón que A Coruña asuma que é unha gran metrópole á hora de transformar o porto

Un gran aparcadoiro que dea resposta ás necesidades do transporte intermodal

Visión metropolitana, porque A Coruña non é só a cidade, senón toda a área coa que interactúa. Esa é a perspectiva que debe ter a reforma portuaria, que debe convertirse nun xeito humano e contemporáneo de expansión da cidade, respondendo aos retos que ten diante para o seu futuro.

O Concello de Oleiros presentou as súas propostas para o proxecto denominado Coruña Marítima, que servirá para definir a utilidade e a función da enorme cantidade de espazo público que irá quedando valeira grazas ao traslado das actividades portuarias e a estación de mercadorías de San Diego.

Unha das propostas que realiza Oleiros consiste na creación dun gran aparcadoiro de borde urbano situado precisamente ao final das vías de alta capacidade, para facer posible as combinacións multimodais entre o vehículo privado e as formas máis atinadas para moverse pola cidade, como camiñar, a bici e o transporte público.

Pensar no futuro da mobilidade urbana esixe solucións ao elevado número de coches en circulación en todos os lugares de Galicia, en especial na potente área metropolitana coruñesa, o que inflúe de maneira drástica na mobilidade urbana da capital, unha das cidades máis atractivas da península e que concita un gran interés tanto dos 400.000 habitantes da área metropolitana como das numerosas persoas de fóra que nos visitan.

A operatividade interior da cidade fai recomendable a existencia dun gran parking, que razonablemente debería estar ubicado na zona de San Diego, que permitise achegarse aos principais destinos da cidade en autobús, en bici ou camiñando, para o que é preciso crear así mesmo as infraestruturas necesarias contando con ese novo horizonte de mobilidade, como un carril bici vertebral entre Oza e o centro ou as necesidades para o posible desenvolvemento do transporte marítimo.

Alternativa opta pola condonación da débeda de 262 millóns que ten a institución portuaria, toda vez que a de 350 millóns do porto de València foi condonada polo estado. Iso faría innecesaria a construción de vivendas e a conseguinte privatización do prezado espazo público, que debería destinarse a dotacións culturais e deportivas, zonas verdes, paseos, etc. que permitan abrir ese costado da cidade ao mar e sobre todo incrementar a calidade da vida urbana.

Comparte esta nova!