As contas de 2027 están listas para ser aprobadas polo pleno do Concello de Oleiros, o que permitirá continuar coa habitual liña de axilidade e eficacia na presentación das contas e a posta a punto do orzamento para o ano seguinte. O próximo ano o Concello disporá dunha previsión orzamentaria de 58 millóns de euros.
O proxecto orzamentario prevé un incremento do 4,29% nos gastos de persoal, alcanzando os 14,15 millóns de euros. Esta subida responde principalmente a un aumento retributivo estimado do 5% para os empregados municipais, a creación de novas prazas como as de axentes de emerxencias para cubrir quendas de 24 horas e a de operario condutor, xunto co mantemento dos reforzos temporais de verán para a Policía Local, o socorrismo e a limpeza de praias.
Pola súa banda, os gastos en bens correntes e servizos aumentan un 10,17% ata situarse en 18,85 millóns de euros. Este incremento destínase ao reforzo do saneamento e abastecemento, á mellora do mantemento de edificios, parques, xardíns e sistemas informáticos, á posta en marcha de novas infraestruturas como o edificio A Colmea de Bastiagueiro e ao impulso de servizos sociais, deportivos e educativos. A maiores, os capítulos 3, 4 e 5 inclúen 45.010 euros para gastos financeiros, 1,69 millóns en transferencias correntes (un 11,08% máis, destinado a bolsas de emprego, axudas sociais e o Consorcio de Benestar) e 350.000 euros reservado a un Fondo de continxencia para imprevistos.
En canto ao capítulo 6, referente aos investimentos reais, ascende a 22,87 millóns de euros, o que supón unha subida do 15,87% respecto ao exercicio previo. Entre as actuacións máis destacadas figuran a reurbanización das rúas do Cavamontes en Perillo (3,3 millóns), obras en edificios municipais (1,5 millóns), a senda peonil e ciclista en Dorneda que está agardando un informe da Xunta para o inicio das obras (1,4 millóns), a renovación da tubaxe de abastecemento en Montrove (1,27 millóns) e a humanización da Avenida das Américas (1,24 millóns), xunto a diversos proxectos de pavimentación, expropiacións e mellora de parques, pavillóns e instalacións deportivas.
Para financiar estes investimentos, recorrerase a fondos da Unión Europea (3,61 millóns), achegas da Deputación da Coruña (2,93 millóns), vendas de parcelas propiedade do Concello (2,09 millóns), aforro neto (2,78 millóns), así como aos remanentes de tesourería que se incorporarán co peche do actual exercicio e que, como en anos anteriores, permitirán continuar sen que o Concello teña que solicitar financiación externa a ningunha entidade bancaria.
No capítulo de ingresos, as operacións correntes representan o 65,32% do total de recursos e medran un 10,87% ata os 37,91 millóns de euros, impulsadas principalmente polas transferencias correntes, que se eleva a 17,88 millóns (un 21,92% máis) grazas á estimación de maiores entregas a conta e liquidacións positivas do Estado segundo as previsións do Ministerio de Facenda, e polos impostos directos, que medran un 3,34% ata os 13,16 millóns debido ao crecemento das bases tributarias do IBI, IVTM e Plusvalías sen necesidade de aplicar subidas de tarifas.
Os impostos indirectos aumentan un 15,23% pola previsión de liquidacións adicionais de obras. No eixe das operacións de capital (8,80 millóns de euros, o 15,16% do total), prevese un incremento do 33,03% no alleamento de parcelas do patrimonio municipal ata os 2,09 millóns, e un aumento do 22,54% nas transferencias de capital, que alcanzan os 6,70 millóns de euros. Estas subvencións proceden maioritariamente dos fondos europeos FEDER-EDIL (3,62 millóns) para proxectos de humanización, saneamento e parques; das achegas da Deputación da Coruña (2,94 millóns) a través dos plans POS+ e axudas para as bancadas do campo do Redondo e as Torres de Santa Cruz.
En conxunto, a proposta asinada polo alcalde Ángel García Seoane destina a súas maiores contías a garantir e reforzar a prestación de servizos públicos (32,48% do orzamento) e a financiar a mellora das infraestruturas do municipio (39,42% do orzamento no Capítulo 6 de investimentos).