Nun momento de involución democrática a nivel mundial é necesario artellar novas fórmulas de participación política para garantir que a soberanía siga residindo nos pobos e non en elites empresariais, principalmente do sector tecnolóxico. Tal e como estamos a observar, a posibilidade de que se asente un novo sistema autoritario, vestido de democracia, é real.
Ademais de preservar o dereito a unha información veraz como dique de contención contra a intoxicación mediática, hai que outorgar á cidadanía unha maior capacidade de control da xestión política, de intervención nas institucións, de poder de decisións dentro dos partidos…. Reducir a participación democrática a votar cada 4 anos minguará a soberanía popular ante a maior capacidade de influír nos procesos electorais por parte dos Elon Musk e similares.
En Oleiros levamos décadas fomentando e participando de forma real e directa na política. O asemblearismo foi o berce de Alternativa e continúa a ser o mecanismo para tomar as principais decisións, elixir os órganos de dirección, seleccionar os candidatos electorais,… Máis que un partido somos un movemento político, moi amplo e aberto, que nos próximos anos seguirá evolucionando e adaptándose aos vertixinosos cambios sociais, para intentar manter os mesmos niveis de participación.
Esa forma de facer política propicia a existencia dunha cultura de participación moi consolidada, inusual noutros territorios próximos e lonxanos. Así pódese explicar, entre outras cousas, a elevada implicación na recente enquisa sobre a xestión do Concello; mal que lles pese a aqueles que non queren darlle voz á cidadanía, auténticos déspotas que actúan como tal alá onde gobernan.
Máis participación significa máis democracia e, por conseguinte, soberanía para os pobos. Salvagardar a vontade popular fronte a autoritarismos e populismos é a mellor maneira de blindar décadas de progresos sociais e económicos e de continuar avanzando cara un maior benestar. Máis Alternativa significa máis democracia.