Oleiros insiste á Xunta para que arranxe os colexios de Santa Cruz e Mera

O comedor do Parga Pondal e as fiestras do Luis Seoane presentan estados lamentables

O Goberno de Oleiros esixe á Consellería de Educación que asuma as súas competencias e acometa de inmediato actuacións imprescindibles no CEIP Isidro Parga Pondal e no CEIP Luis Seoane. A deixadez da consellería de educación desmerece a calidade educativa no municipio.

No CEIP Isidro Parga Pondal de Santa Cruz, a situación do comedor é totalmente impresentable. A pesar de que a Xunta se comprometera a reformalo o pasado verán tras as constantes demandas do Concello e da ANPA, a realidade hoxe é que o espazo está degradado, con paredes desfeitas, humidades e filtracións de auga.

O alcalde xa se dirixiu por escrito ao conselleiro para reclamar unha actuación urxente. É intolerable que nenos e nenas teñan que comer nun espazo nesas condicións de insalubridade por falta de vontade política.

Canide: fiestras de hai máis de 40 anos

En canto ao CEIP Luis Seoane, o Concello está a redactar un informe técnico para remitir á Xunta esixindo a substitución integral das fiestras. Son as mesmas que se instalaron en 1982, o ano da súa inauguración, e hoxe son obxectos inservibles. Nos días de choiva entra a auga e o illamento térmico é inexistente, obrigando a alumnos e profesores a sufrir as inclemencias do tempo dentro das aulas.

A educación de calidade que persiguen as políticas públicas da Alternativa en Oleiros abranguen tamén estes aspectos que non son de competencia municipal pero que teñen unha gran influencia no sector do ensino, xa que o confort é un elemento fundamental no proceso de aprendizaxe e experiencias do colexio, especialmente a idades tempranas.

Comparte esta nova!