Oleiros inaugura o parque cedido por Sandra Ortega

A empresaria correu con todos os gastos da realización desta infraestrutura verde

Oleiros expresará o sábado, 6 de abril, a gratitude a Sandra Ortega pola cesión do novo espazo natural na rúa do Mar, perto de Santa Cruz, onde renunciou a construir 88 vivendas para construir un parque e entregalo á veciñanza.

A filla de Rosalía Mera e Amancio Ortega é veciña desa zona, onde reside habitualmente coa súa familia. A súa decisión de ceder o terreo foi acompañada pola senlleira xestión do proxecto, no que se abriu á participación de colectivos ambientais e ao deseño dunha empresa especializada en paisaxismo para coidar ao detalle todos os extremos desta nova peza urbana para o lecer e a contemplación.

Tanto as especies utilizadas, os materiais, unha pequena lagoa, a conservación de muros, o mobiliario urbano, como a microfauna (conta con hotel de insectos e refuxio de morcegos) deron lugar a unha contorna moi especial, que co tempo irá converténdose nun garimoso punto de referencia.

Comparte esta nova!