Oleiros frea o pelotazo urbanístico de Cambre no Graxal

O Tribunal Supremo dálle a razón ao Concello de Oleiros

O Tribunal Supremo vén de recoñecer o dereito do Concello de Oleiros a impugnar a recalificación especulativa de solo rústico que o Goberno de Cambre leva anos intentando promover na zona do Graxal, entre a N-VI e o linde con Oleiros, xusto ao carón das Casas Bailly.

Esta sentenza supón un duro golpe á política urbanística irresponsable e especulativa que o goberno municipal de Cambre pretendía impor, convertendo 43.000 metros cadrados de solo rústico nunha zona urbana de alta densidade cunha edificabilidade de 0,62 m²/m². Isto permitiría construír numerosos bloques de vivendas e locais comerciais nun espazo xa saturado, deixando tan só 5.000 metros para zonas verdes, unha auténtica burla ás necesidades da veciñanza.

O Supremo corrixe o anterior fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que negaba lexitimación ao Concello de Oleiros, e abre a porta a que agora entre no fondo do asunto para avaliar a legalidade desta recalificación, que vulnera a Lei de Solo 2/2016 da Xunta de Galicia, xa que Cambre carece dun Plan Xeral que ampare esta actuación.

Esta é unha cuestión clave contra a especulación urbanística e a presión para tentar cementar o Graxal con proxectos que descoidan o medio ambiente, as infraestruturas e, por suposto, as necesidades reais da cidadanía. Tamén é a sinxela cuestión de cumprir coa lei.

Non se pode permitir que os intereses especulativos nin a pésima xestión do goberno de Cambre comprometan o futuro dos seus habitantes. Alternativa dos Veciños continúa atento contra estas actuacións que ameazan o benestar das persoas que viven en Oleiros e Cambre. O Graxal precisa máis zonas verdes, áreas deportivas e espazos de lecer para a veciñanza, non máis ladrillo nun urbanismo xa sobrecargado.

Comparte esta nova!