Unha entrega discreta de 20 toneladas e media de alimentos foi organizada polo Concello para que as 278 familias perceptoras non se sintan estigmatizadas polo reparto.
Alternativa pon en marcha esta axuda procedente da Unión Europea a través do goberno oleirense para impulsar un dos seus principios básicos: promover a igualdade entre todas as persoas.
Impulsos que non só abranguen as axudas alimentarias, senón unha morea de iniciativas relacionadas coa procura de emprego, a promoción económica do territorio, a xeración de espazo público libre en todo o municipio para a expansión da cidadanía. A iso hai que unir as propias políticas de Servizos Sociais, tendentes a equilibrar as posibilidades de cada persoa ou grupo de persoas.
As familias entre as que se distribúen os alimentos están en situación de emerxencia social. Os 20.741 kg de produtos contribuirán a que poidan levar algo mellor a súa vida cotián. Son convocadas a través de SMS para que acudan individualmente a un lugar determinado onde poden retirar os paquetes que lles corresponden, algo no que colabora o voluntariado de Oleiros.
Son familias que ademáis poden acceder a produtos frescos en supermercados, e os seus fillos e fillas escolarizados teñen dereito a usar os comedores escolares gratuitamente.
Tamén dispoñen de axudas ao pagamento do aluguer ou a factura da luz, a compra de electrodomésticos e artigos de fogar imprescindibles, gafas, consultas de dentista, gastos de medicamentos e a bonificación do 95% dos custos nas actividades organizadas polo Concello.
Relacionada con esta política de potenciación da igualdade está o Servizo de Axuda no Fogar, que presta atención a persoas maiores e dependentes nos seus domicilios.