Os concellos de Oleiros e Cambre veñen de acordar a creación dunha comisión mixta con persoal técnico de ambas administracións para tratar conxuntamente o futuro urbanístico do Seixal, zona situada no linde entre ambos municipios, a carón das Casas Bailly e Vila Concepción.
O obxectivo é avaliar de forma rigorosa as recalificacións urbanísticas impulsadas polo anterior Goberno de Cambre e buscar solucións respectuosas coa legalidade e co interese xeral da cidadanía.
Este novo escenario de cooperación ábrese tras a sentenza do Tribunal Supremo que recoñece o dereito de Oleiros a recorrer a recalificación de máis de 43.000 metros cadrados de solo rústico, que pretendía facilitar unha urbanización de alta densidade sen respaldo dun Plan Xeral. Agora, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deberá pronunciarse sobre o fondo do asunto.
Durante a reunión en Cambre, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, e a alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, coincidiron na importancia de abrir un diálogo serio e transparente para abordar este problema urbanístico herdado. “As recalificacións foran recurridas polo Concello e non nos deron a razón na Coruña, pero o Supremo si nos deu a razón. Polo tanto, hoxe falamos de como abordar o tema”, declarou García Seoane.
A creación desta comisión non valida o proxecto, senón que garante que calquera decisión futura se base en criterios técnicos, legais e de interese público. Como tamén dixo o alcalde: “As leis hai que respectalas e se se nos deu a razón no Supremo, temos dereito a opinar neste aspecto”.
Desde Alternativa dos Veciños valoramos positivamente a vontade de “entendemento mutuo” e diálogo mostrada polo novo goberno de Cambre, moi distinta á actitude do anterior executivo local. Con todo, mantemos unha posición firme e clara: a urbanización prevista en O Seixal é ilegal, ambientalmente insostible e contraria ás necesidades da cidadanía. Pretende recalificar solo rústico sen Plan Xeral, cunha edificabilidade de 0,62 m²/m² e tan só 5.000 metros destinados a zonas verdes. Un deseño que só busca rendibilidade especulativa a costa da calidade de vida.
O Graxal e O Seixal merecen un urbanismo equilibrado, sostible e pensado para garantir un futuro de benestar, non máis cemento e saturación.