Dignificar as axudas para o benestar das persoas menos favorecidas actualizando os importes de cada prestación son as medidas que impulsa a Alternativa dos Veciños a través da súa acción de goberno en Oleiros.
A norma municipal que regula esta iniciativa deixa ben claro que estas medidas non son máis ca unha axuda paliativa na loita contra a chamada “vulnerabilidade” das persoas en dificultades, xa que as competencias principais para que as persoas abandonen ese estado de necesidade corresponden tanto á Xunta como ao Goberno Central, a través de políticas económicas e de control dos prezos que fagan a vida máis levadeira a un maior número de persoas.
Esta actualización de importes contempla un límite de ingresos referenciados en base ao IPREM, con porcentaxes distintas para cada unha delas. A partir de ahí, auméntase o importe máximo anual das axudas, que pasan de 1.000 € anuais a 1.200, 1.400 ou 1.600 € anuais, en contías máximas e dependendo do número de persoas integrantes da unidade familiar.
Os importes máximos a descontar polo concepto de aluguer ou hipoteca tamén se incrementan en 50 € para cada un dos tramos en función do número de membros da unidade familiar. Además contémplase un incremento das contías do apoio na alimentación e na hixiene persoal e doméstica na cantidade de 25 € en cada un dos tramos en función do número de persoas da unidade familiar.
Por último, en relación á prestación de apoio ao comedor escolar, (que se bonificaba no 100 % en todos os casos) establécense como novidade, tres modalidades de bonificación en función dos ingresos da unidade familiar. As bonificacións contempladas son do 100%, 60% e 40%.