A maioría das vías urbanas de Oleiros xa teñen a súa velocidade máxima limitada a 30 km/h, pero agora estas zonas de tráfico calmado exténdense tamén ás travesías. Os nucleos de Perillo, Santa Cruz e Mera incorpóranse a este réxime circulatorio urbano para incrementar a seguridade viaria, facendo así realidade a decisión da DGT de instaurar esta velocidade máxima en todas as vías que non teñen máis dun carril por sentido.
Ademáis de poñer sinais, a medida complétase coa elevación de pasos peonís á altura das beirarrúas, para que sexan os coches os que “invaden” o espazo peonil, e non ao revés. Nos pasos á altura da calzada, os peóns “piden permiso” aos coches para cruzar a rúa.
Os semáforos tamén serán cuestionados e algúns deles eliminados para facer efectiva a prioridade das persoas sobre os coches. Ademáis, este tipo de medidas axilizan o tránsito motorizado ao tempo que permiten unha maior operatividade aos desprazamentos peonís e ciclistas.
O Concello solicitará a outras administracións o establecemento deste tipo de medidas alomenos nos núcleos de Oleiros e Montrove da AC174, entre Perillo e Sada. A capital municipal merece tamén un espazo de tráfico calmado polo alto número de servizos que conflúen na súa principal vía circulatoria.
O goberno municipal pide un alto sentido da responsabilidade a todas as persoas que utilizan o espazo público, para lograr maiores niveis de seguridade viaria e sobre todo maior seguridade percibida, que é a confianza das persoas para facer un maior uso das vías públicas para realizar os seus desprazamentos a pé ou en bici.
Alternativa leva anos apostando por unha mobilidade peonil segura e sustentable, sobre todo promovendo a construción de espazos segregados nas principais vías públicas interurbanas, para que as persoas poidan moverse con altos niveis de seguridade.