Oleiros aproba 52,4 millóns de euros para 2026

Deles, uns 20 son para obras e servizos públicos

Dos 52,4 millóns de euros que a corporación de Oleiros aprobou recentemente para 2026, uns 20 (arredor do 40%) estará destinado a obras e servizos públicos, tal como destacou o alcalde, Ángel García Seoane, cando se referiu publicamente ao principal documento que cada ano aproba o municipio para o seu funcionamento ordinario.

Os orzamentos son a columna vertebral do municipio e foron concebidos para manter o nivel de xestión das infraestruturas, os equipamentos e os servizos públicos nas máis altas cotas de calidade, como xa é tradicional neste concello gobernado pola súa veciñanza a través de Alternativa.

Son orzamentos ademais moi participativos, pois o constante contacto coa realidade social e territorial das 13 concelleiras e concelleiros da Alternativa garanten un permanente estado de diálogo co entramado asociativo e territorial tanto na dimensión veciñal coma cultural, deportiva, económica, educativa de todos os pobos e urbanizacións do municipio.

As continuas propostas que se realizan son posteriormente priorizadas con sentido da xustiza e a equidade polo goberno municipal para incorporalas aos orzamentos anuais nos que se materializa a acción política.

O ano próximo, algunhas das obras públicas máis significativas que veñen de definirse neste documento económico son, entre outras, o impulso ao novo edificio cultural de Bastiagueiro, en moi avanzado estado de obras; a renovación de varios treitos das principais tubaxes de conducción de auga potable ao municipio, a construción da senda costeira entre Naval e Canide para completar o paseo perimetral da ría da Coruña, a renovación do pavillón de deportes Arsenio Iglesias de Santa Cruz ou as beirarrúas de Bartolomé de las Casas en Nós.

Comparte esta nova!