Un investimento de máis de 320.000 euros en subvencións non é un feito illado para Alternativa, senón parte dunha política municipal coherente que entende a participación cidadá como eixo central da vida comunitaria.
Alternativa aposta por un modelo que non se reduce a transferir recursos, senón que se concreta en crear espazos, infraestruturas e condicións que permitan á veciñanza vivir, celebrar e compartir en igualdade.
As subvencións concedidas distribúense en diferentes ámbitos, coa vontade de fortalecer o ensino público de calidade, a cultura, o deporte e a vida social no municipio: 95.000 euros para os centros de ensino público, 58.000 para as ANPAS, 51.000 para entidades culturais e máis de 120.000 para entidades deportivas.
Para o goberno da Alternativa en Oleiros a participación cidadá non se mide só en cifras. O noso proxecto político procura fortalecer o común: dende a creación de centros culturais que acollen actividades autoxestionadas até a recuperación e posta en valor dos espazos públicos para festas populares, xuvenís ou encontros veciñais.
Este esforzo é o que diferencia a política da Alternativa: non se trata de dar esmolas, senón de construír comunidade. En tempos nos que se tenta privatizar o público e reducir o papel das institucións, defendemos con feitos un modelo no que cada investimento público contribúe a consolidar Oleiros como referente de participación social e vida comunitaria.