Oleiros abre a fin de mes a nova senda do Rego de San Pedro

Máis de 4 km de mobilildade alternativa á estrada N6 entre O Seixal, en Nós, e Arenaza, en Iñás

O espléndido paseo ciclo-peonil que unirá O Seixal, en Nós, con Arenaza, en Iñás, será inaugurado o último sábado de xuño cun paseo colectivo que partirá das proximidades de Decathlon, na rúa Bergantiños, cara a O Valiño, Mesón da Auga e O Seixal.

Esta nova infraestrutura viaria promovida polo goberno da Alternativa cumpre o vello soño de ofrecer unha natural á estrada N6, xa que discorre de forma paralela á estrada radial, conectando importantes puntos económicos e residenciais do municipio.

O trazado é unha aposta pola vida activa entre bosques e a zona inundable do rego de San Pedro e xa desde hai meses está sendo utilizada por moitas veciñas e veciños los lugares polos que pasa ou polos que veñen a ver a nova obra, con numerosas pontes e plataformas de madeira, que ofrecen un camiñar moi confortable no “estómago” da paisaxe que forman os bosques.

A lonxitude total é de 4,1 km de senda, aínda que un pequeno treito entre as rúas Valiño e Manuel Murguía decorre pola rúa preexistente. Ten estacionamentos para vehículos nas rúas Bergantiños e A Veiga, e estacionamento e wc nas rúas Estío, Anido e do Traballo.

A obra costou 3,5 millóns de euros e para realizala foi preciso expropiar 65 fincas, xa que dos pouco máis de cen mil metros cadrados que abrangue a senda, o concello era xa propietario de case 40.000.

Aínda que se intentou unha subvención da Xunta e o Estado, ambos organismos non colaboraron, pese a que aos seus representantes se lles enche a boca coas apostas polo coidado da natureza e a promoción da mobilidade sustentable.

Comparte esta nova!