Obrigados a recuar tras saltarse a legalidade urbanística en Bastiagueiro e Naval

Terán que derrubar o construido e asumir a multa que poida poñerlles a Xunta tras analizar o que fixeron

A nivel urbanístico, facer o que a un lle peta non é posible en Oleiros. Aquí existe un Plan Xeral que define o uso do territorio e o que se pode facer ou non facer. A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística da Xunta deu a razón ao Concello no caso de dúas parcelas en Bastiagueiro e Naval: ordena aos propietarios derrubar antes de tres meses as obras ilegais que fixeron sen licencia municipal.

Unha licencia que non obtería en nengún caso porque a parcela de Bastiagueiro figura como zona verde no Plan Xeral e está na zona de protección costeira. Ademáis casualmente está mesmo no lugar que o dictador Francisco Franco utilizaba nas súas visitas a esta praia.

Tampouco podería obter licencia para o que outro propietario fixo nunha finca en Naval, na que elevou uns 5 metros o nivel da finca sobre as colindantes, se ben neste caso, ante a denuncia municipal, xa se atopa restaurando a zona ao seu estado orixinal.

As persoas que se saltaron a lei poderían enfrontarse a unha multa de entre 60.000 e un millón de euros en cada caso, xa que a Xunta non se limitou a obrigarlle a recuar, senón que lles abriu expedentes sancionadores polas falcatruadas.

Comparte esta nova!