Un novo obradoiro de emprego permitirá a contratación de 20 oleirenses en desemprego
A Consellería de Economía, Emprego e Industria acaba de comunicarlle ao Concello de Oleiros a Concesión do Obradoiro Dual de Emprego denominado “Restauración Zonas Verdes Municipais”. Ademais da contratación de 5 profesores, un total de 20 veciños e veciñas de Oleiros en situación de desemprego formarán parte desta actividade formativa que lles permitirá recibir unha remuneración mensual de 950 euros, máis as correspondentes pagas extras.
O alumnado participante neste obradoiro formarase nas especialidades de revestimentos continuos na construción e viveiros, xardíns e centros de xardinería. Todas aquelas persoas que finalicen satisfactoriamente o obradoiro terán un contrato nunha empresa por un prazo mínimo de 3 meses.
Mediante este programa abordaranse diversas obras de mellora no edificio do Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo, así como traballos de acondicionamento en parques, xardíns e zonas verdes municipais. A subvención concedida por parte da Xunta é de 346.946,00 € e a achega municipal é de 41.867,89 €.
Para participar é preciso estar inscrito no servizo público de emprego como demandante de traballo, como demandante de formación nos obradoiros de emprego ou demandando formación nunha das especialidades que se ofertan (madeira e/ou construción). As persoas interesada deben contactar co Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo, na Urbanización dos Regos, ou chamar por teléfono ao 981610319.