Cando pensabamos que os rancios localismos coruñesistas xa quedaran no pasado, o concelleiro de urbanismo da Coruña, para defender a construción de grandes torres na cidade, criticou o modelo da “vivienda unifamiliar con parcelita en el extrarradio” e que segundo el “impide” as relacións de vecindade -referíndose a Oleiros e outros municipios da comarca-.
En palabras do concelleiro, os coruñeses móvense a pé ou en bus e os problemas de mobilidade débense á entrada de 120.000 vehículos diarios na cidade.
Ademais de descoñecer totalmente a elevadísima actividade veciñal, social, cultural e deportiva do “extrarradio”, o concelleiro de urbanismo da Coruña debe ser dos poucos coruñeses que non cruzan a ponte da Pasaxe nin a avenida de Arteixo. Agás el, son milleiros os cidadáns que se desprazan nos seus coches particulares a polígonos industriais, praias, paseos, parques, hostalería,…
Sería bo, aproveitando que os terreos dos portos que quedarán liberados, que en lugar de facer un novo concurso para transformar A Coruña -xa sería o terceiro- se apostase por converter todos eses terreos nun espazo de encontro e lecer para toda a cidadanía coruñesa, entendida no só a da cidade, senón a de toda a área metropolitana. A construción de pisos nese espazo, cunha pincelada de vivendas protexidas para dourar o futuro pelotazo, sería un grave atentado contra o público.