Plena tempada de premios a Oleiros. Recén recollido en Andalucía o “Ciudades que Caminan” chega o recoñecemento ao mellor xardín de Galicia: o parque Rosalía Mera. Un dos novos espazos verdes do municipio, cedido íntegramente pola empresaria Sandra Ortega, veciña de Dorneda.
O premio foi outorgado pola Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar) que destacou, en palabra do xurado, que o Rosalía Mera é “un proxecto exemplar pola integración de arte, técnica e sustentabilidade. Destaca a forte implicación social, a educación ambiental, a creación de hábitats naturais, o uso de especies autóctonas e materiais locais, así como o deseño resiliente e orientado á mellora bioclimática”. O xurado antedito estivo composto por Jaume Alagarda Nacher, presidente da Federación Española de Empresas de Jardinería (FEEJ); Francisco Marco Rubio, presidente da Asociación Española de Xardinería Ecolóxica; Santiago Lamosa Quintero, doutor en Enxeñería Agrónoma e profesor de paisaxismo da Universidade de Santiago; e Álvaro-Fernando Roca Rodríguez, profesor de FP e enxeñeiro técnico agrícola.
Este senlleiro espazo público, entre as rúas do Mar e da Poza, é un pulmón verde cheo de vida que combina sostibilidade, comunidade, biodiversidade, aprendizaxe, ocio, orixinalidade e mobilidade. Con case 20.000 m2 converteuse en pouco tempo nun parque naturalizado deseñado para facilitar a convivencia interxeracional, ofrecendo espazos habilitados, cómodos e accesibles para o paseo, o descanso, o lecer ou a actividade física. Unha concepción do espazo público natural innovadora que fixo que este proxecto fora merecedor do 5º Premio Xardín Galego 2025.
Este modelo de parque suma diversidade e ledicia nun Oleiros que conta cunha altísima taxa de metros cadrados verdes por habitante, máis de 30, cando a Organización Mundial da Saúde recomenda un mínimo de entre 10 e 15. Unha expansión urbana sen espazos sórdidos, rúas túnel ou edificios altos e sobre todo con gran cantidade de espazo público e equipamentos conforman un modelo de crecemento con forte vocación sa e natural.