O PP nega a existencia do PMUS mentres apoia partidas para melloralo

Alternativa denuncia que nin PP nin o Goberno actual queren activar o PMUS, mentres a veciñanza segue sen solucións aoproblema dos aparcamentos e a mobilidade

No último pleno municipal, desde Alternativa dos Veciños volvemos poñer enriba da mesa a necesidade de actuar con rigor e responsabilidade ante o problema real da falta de aparcamento no centro urbano de Cangas. Un problema que non se resolve negando a realidade, nin tapando os erros propios.

A moción presentada polo Partido Popular partía dunha falsidade obvia: que Cangas non conta cun Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS). Desde o noso grupo propuxemos unha emenda razoable e construtiva, que simplemente recoñecía que o PMUS foi redactado no mandato anterior, que a súa aprobación foi bloqueada por todos os grupos, incluído o PP e que nos orzamentos de 2024 —coa participación do PP— se aprobou unha partida específica para mellorar e completar ese plan, incluíndo precisamente os aspectos que agora din botar en falta.

A resposta do PP foi negar a existencia do documento e mentir abertamente, afirmando quevotaran en contra no pleno, cando ese plan nunca se chegou a someter a votación plenaria.

Mentres tanto, o actual goberno municipal continúa sen mover unha soa folla, nin para aplicar o PMUS redactado, nin para presentar alternativa algunha.

O que propuxemos foroon duas cuestións propositivas. En primeiro lugar, reformulamos a moción do PP, para substituír a demanda dun novo estudo —innecesario— pola activación do PMUS existente, aproveitando os fondos xa aprobados. Por outra banda, propuxemos que se convoque a Mesa da Mobilidade, órgano técnico e participativo, moito máis axeitado que unha xunta de portavoces para abordar cuestións complexas como o aparcamento e os accesos ao centro.

Pedimos menos demagoxia e máis acción. Prefiren que Cangas siga sumida no kaos dos coches antes que recoñecer que teñen un borrador de PMUS, e soamente porque foi traballado polo goberno de Victoria Portas.

É hora de que tanto o goberno municipal como a oposición deixen de usar o aparcamento como arma política e empecen a traballar en serio nunha solución real e coordinada. Existe un documento base, existen recursos económicos e hai unha mesa técnica creada. O que non hai, de momento, é vontade política.

Desde Alternativa dos Veciños imos seguir esixindo accións concretas e transparentes, porque a veciñanza de Cangas non necesita máis escusas, e si políticos con gañas de traballar por Cangas e que o traballo común se note na rúa.

Comparte esta nova!