O Pleno de Carral decidirá se poñer ou non un paso peonil na Costa do Pico (N550)

Un importante avance para a seguridade viaria

Carral celebrará o 27 de marzo un pleno que servirá para mellorar a seguridade viaria na principal vía pública que atravesa o municipio. O alcalde de Carral, Javier Gestal, confía en que os partidos da corporación voten no próximo pleno a favor de implantar un novo paso de peóns na N-550, á altura do número 45 da rúa Costa do Pico, que permitirá executar unha obra moi demandada polos veciños e que terá, ademais, custo cero para as arcas municipais.

A pesar disto, e aínda contando con informes técnicos favorables por parte do arquitecto municipal e do propio Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, o punto foi ditaminado co voto a favor do equipo de goberno e coa abstención do resto de partidos (PP de Carral, PSOE e o concelleiro non adscrito) durante as comisións informativas desta semana. O rexedor agardad que a corporación permita facer realidade esta “obra, que daría resposta ás demandas de veciños e veciñas, en xeral, e aos centos de alumnos e alumnas do IES de Carral, en particular”.

O equipo de goberno leva anos solicitando un paso de peóns neste punto. Agora, o proxecto conta, non só co informe favorable do arquitecto do Concello, senón tamén co visto e prace do Ministerio. A intervención resolvería unha carencia que os veciños e veciñas trasladaron desde hai anos e que afecta, principalmente, ao alumnado do instituto.

Actualmente, ao carecer deste paso, os alumnos e alumnas teñen que cruzar no paso de peóns dos Mártires ou, na súa falta, atravesar a vía por zonas máis inseguras. Con esta proposta, o goberno local solucionaría o problema pero, para que o Ministerio poida levalo a cabo, requírese a aprobación previa en pleno.

Outros asuntos
No pleno do próximo xoves exporase, así mesmo, o ditame de ratificación da solicitude dunha subvención de orientación laboral. Outro dos asuntos que se tratarán durante a sesión será a tramitación da subvención da Deputación da Coruña para celebrar a Festa do Pan.

Comparte esta nova!