O mérito do folclore é da xente, non dos burócratas

Ledicia xeralizada no mundo do folclore polo inicio do expediente para declaralo como ben de interese cultural

O inicio dos trámites para declarar ben de interese cultural a música e o baile tradicionais de Galicia é un recoñecemento a tantas e tantas persoas que loitaron e loitan por conservar, difundir e poñer en valor o noso folclore.

As persoas verdadeiramente artífices desta declaración non están en ningún despacho en Santiago senón que son as que loitaron e seguen a manter vivos grupos folclóricos como A Marola, O Amanexo, Folliñas, Grupo de Baile e Gaitas Santaia, Os Rueiriños e Semente Nova, por poñer o exemplo do Concello de Oleiros.

A incoación do procedemento, publicada hoxe no DOG, para declarar ben de interese cultural, como manifestación do patrimonio inmaterial de Galicia é un grande paso e motivo de ledicia para todos os axentes culturais galegos mais en xeral para toda a poboación, que verá protexido e recoñecido o noso patrimonio máis prezado: a lingua, cultura, historia, músicas e bailes, tradicións… cos que medramos a maior parte dos galegos e galegas.

Comparte esta nova!