Denunciamos que ante a renuncia de levar de forma directa todos os servizos relacionados coa época estival o que fan e facer unha deixadez das súas funcións e en máns de terceiros a seguridade, mobilidade e accesibilidade da nosa veciñanza nunha época na que se debe estar moito máis alerta.
O noso grupo reproba a privatización do socorrismo e denuncia o incumprimento do acordo plenario e orzamentario. Alternativa votou a favor da moción presentada contra a privatización do servizo de socorrismo nas praias de Cangas, por unha cuestión de coherencia política, respecto institucional e defensa dos servizos públicos.
No pasado pleno de xuño de 2024, aprobouse un acordo claro que comprometía ao Goberno municipal a manter a xestión directa do servizo, así como unha enmienda aos Orzamentos Municipais que condicionaba a súa aprobación á inclusión dunha partida concreta para a contratación directa do persoal de socorrismo. Esa partida, adscrita ao capítulo 1 (persoal laboral), tiña como destino exclusivo manter un servizo público de calidade.
Sen embargo, o Goberno local optou agora por externalizar este servizo esencial a unha empresa privada, modificando o destino dos fondos sen consultar ao Pleno, desviando recursos públicos do capítulo 1 ao capítulo 2, e vulnerando así o espírito —e posiblemente a legalidade— do acordo orzamentario aprobado.
Resulta profundamente contraditorio que un Goberno que se autodefine como nacionalista galego e de esquerdas, que en campaña proclama a defensa do público, acabe privatizando un servizo tan sensible como o socorrismo, reducindo o número de profesionais, acurtando o calendario de vixilancia e precarizando as condicións laborais.
Desde o noso grupo municipal denunciamos este cambio de criterio, esta falta de respecto institucional e esta incoherencia política. Seguiremos defendendo a xestión pública, directa e transparente dos servizos esenciais, así como a obrigatoriedade de cumprir cos acordos adoptados democraticamente neste Pleno.
A cidadanía merece seguridade, mobilidade e accesibilidade en todos os ámbitos do seu concello ,e sobre todo transparencia nos seus gobernantes e respecto polos compromisos adquiridos.