alternativa-dos-vecinos-culleredo-dubidas-pxom

A recuperación da casa dos peóns camiñeiros por parte do Concello esperta as dúbidas sobre a aprobación do PXOM

O Goberno de José Ramón Riobóo encarga un estudo técnico para recuperar a antiga casa de Acea de Ama a pesares de atoparse fóra do actual PXOM.

O grupo municipal de Alternativa dos Veciños vén de preguntar no Pleno municipal de xullo ao Goberno pola intención de recuperar a casa dos antigos peóns camiñeiros de Acea de Ama. A voceira de Alternativa, Alicia Ferreiro, lembroulle ao alcalde que este estudo contemplaría unha posibilidade que iría contra a actual ordenación urbanística do municipio: “Conforme ao PXOM vixente, que é do ano 1987, esta casa estaría fora da ordenación”.

Esta situación esperta dúbidas a respecto dunha eventual aprobación do novo texto do PXOM que, tal e como sinala Alicia Ferreiro, conta con informes negativos tanto da Secretaría como do arquitecto do Concello. Estes informes en contra dificultarían a aprobación do novo Plan, no cal directamente desaparece a casa dos peóns camiñeiros. Que razóns ten o Goberno entón para encargar un estudo técnico con cartos públicos para unha casa que queda fora do Plan Xeral de Ordenación Municipal? En palabras de Alicia Ferreiro: “Sabendo que os informes sobre o PXOM son negativos, o que pasa é que o Goberno vai descartar o traballo xa feito e vai comezar desde cero?”.

Desde Alternativa dos Veciños esiximos ao Goberno municipal transparencia con respecto ao PXOM e remarcamos a necesidade dunha nova exposición pública do texto tendo en conta as numerosas modificacións que afectan á veciñanza e das cales non se informou.

Novas relacionadas