O Goberno central entregará aos concellos un 9,47% máis de orzamento procedente dos fondos estatais, unha medida que terá un impacto especialmente positivo nos municipios pequenos, que traballan entre limitacións financeiras e o incremento de competencias impropias cargadas pola Xunta, principalmente.
Este incremento representa unha oportunidade para reforzar a prestación de servizos básicos, especialmente naqueles lugares onde os ingresos por impostos e taxas municipais non chegan para cubrir os custos mínimos.
Este cambio de rumbo contrasta coas políticas aplicadas durante os gobernos de Aznar e Rajoy, cando o ex ministro Montoro impuxo fortes restricións ás administracións locais. A chamada Lei Montoro colocou o seu teito de gasto, impedindo investir o superávit e mesmo contratar servizos ou persoal, afogando ás entidades locais malia ter cartos aforrados. Un auténtico contrasentido.
Ao tempo que se limitaban os municipios, favorecíase a grandes empresas (de gas, combustibles, eólicas…) que contaron con leis deseñadas á súa medida, sen pagar impostos municipais mentres empregaban servizos públicos financiados polos veciños e veciñas.
Hoxe, a pesar dos discursos alarmistas da dereita e extrema dereita, España vive un dos seus momentos económicos máis sólidos en 30 anos, e as posibilidades de desenvolvemento territorial poderían ser aínda maiores se non existise o bloqueo actual dos Orzamentos Xerais, impulsado por alianzas entre dereita, extrema dereita, nacionalistas españois e nacionalistas que paralizan o progreso real.
Alternativa dos Veciños reclama unha financiación axeitada e digna para os concellos. Non nos vale un modelo de grandes imposicións fiscais que non distribúe dignidade nin oportunidades. É tempo de reverter esa lóxica, de devolver o poder económico e político ao local, de non aceptar o teito de gasto imposto desde fóra e de poñer os recursos ao servizo da xente, non do clientelismo institucional.