O goberno de Cangas, obrigado polo Pleno a rehabilitar as vivendas públicas de Nazaret

Alternativa dos Veciños logra introducir na moción sobre vivenda o compromiso de actuar sobre as vivendas de Nazaret que o executivo levaba dous anos sen aproveitar malia contar con proxecto, subvención e partida orzamentaria.

O Pleno da Corporación de Cangas aprobou unha moción relativa á necesidade de actuacións públicas no ámbito da vivenda, á que o noso grupo municipal logrou incorporar unha emenda decisiva que obriga ao goberno local a actuar sobre as vivendas municipais de Nazaret que leva dous anos ignorando.

Durante o debate da moción, o noso grupo puxo de manifesto a profunda contradición do goberno actual, que reclama medidas á Xunta e ao Estado sobre vivenda no ámbito do Concello de Cangas, mentres leva dous anos sen solicitar subvencións autonómicas, nin executar a partida orzamentaria que nós mesmos incorporamos aos orzamentos de 2024 para rehabilitar as vivendas públicas xa nas mans do concello de Cangas , e conseguidas polo goberno anterior, sendo unha política clave e prioritaria no mandato de Victoria Portas.

O goberno municipal tiña —e ten— á súa disposición desde o mesmo día da súa incorporación no goberno, seis vivendas municipais herdadas do anterior executivo, un proxecto técnico de rehabilitación xa elaborado e co visto bo do IGVS e as subvencións abertas do IGVS para este tipo de actuacións. Tamén unha partida económica incorporada nos orzamentos municipais do ano 2024 grazas a unha emenda de Alternativa dos Veciños.

A pesar disto, non se fixo nada, nin se iniciou trámite algún para incorporalas ao parque público de alugueiro. Grazas á nosa emenda aprobada, “Instar ao goberno local a executar de forma inmediata o proxecto de rehabilitación das vivendas de Nazaret , empregando para tal fin a subvención autonómica existente para vivenda social e a partida orzamentaria incluída nos Orzamentos Municipais de 2024, incorporada mediante emenda deste grupo, co obxectivo de incorporalas ao parque público de vivenda de alugueiro no prazo máis breve posible”) o goberno queda agora comprometido formalmente a executar ese proxecto, deixando atrás a pasividade e demostrando que a defensa da vivenda pública debe comezar pola acción local real, non só polo discurso simbólico ou as mocións de pancarta.

O noso grupo mantén a súa firme vontade de traballar para que en Cangas a vivenda digna e accesible sexa un dereito efectivo e non unha promesa retórica. Seguiremos fiscalizando que o acordado se cumpra.

Comparte esta nova!