O Concello de Oleiros realizará unha nova proposta á Xunta de Galicia para o transporte ás praias
Ante a situación de bloqueo e boicot por parte da Xunta de Galicia que impide que o bus urbano da Coruña poida chegar ata Santa Cristina, o Concello de Oleiros vai realizar mañá unha nova proposta á Consellería de Infraestruturas. Será ás 12:00 horas, na delegación da Xunta de Galicia en Monelos.
O pasado 20 de abril o Concello propuxo a creación dun servizo de transporte público ás praias de Oleiros durante o verán desde os municipios da Coruña, Cambre e Culleredo para mellorar a mobilidade nas estradas. Aínda que en Cambre e Culleredo a empresa que ten a concesión negouse a realizar o servizo, no caso da Coruña si que existe acordo entre todas as partes desde o día 11 de maio. Incomprensiblemente, a Xunta de Galicia está a dilatar os prazos e a poñer numerosas trabas burocráticas para que o servizo non funcione.
“Se houbera un bo servizo de transporte ás praias de Oleiros un terzo dos coches que entran no municipio non o farían. Evitaríanse atascos, pagar por aparcar e un montón de problemas máis que se producen os días de sol”, comentou o alcalde Ángel García Seoane.