O Concello coopera nun proxecto sanitario en Chiapas con Solidariedade Galega
O pasado sábado partiron desde A Coruña un grupo formado por 12 profesionais da sanidade, veciños e veciñas da comarca, que dedicarán as súas vacacións a atender de xeito gratuíto ás persoas máis desfavorecidas da zona rural de Altamirano, no Hospital San Carlos, en Chiapas. O Concello de Oleiros financia con 12.000 euros este proxecto que levará a cabo a ONG Solidariedade Galega.
Durante a súa estancia en Chiapas, que se prolongará ata o día 2 de decembro, os médicos de Solidariedade Galega van proceder a dar asistencia en ciruxía xeral, uroloxía, anestesia, xinecoloxía, oftalmoloxía, odontoloxía e cardioloxía. Teñen previsto realizar 1.200 consultas e 130 intervencións.
Debido ao illamento no que se atopa a localidade que alberga este hospital, resulta moi complicado atopar médicos que poidan traballar no centro. É por iso que misións como a do equipo de médicos voluntarios de Solidariedade Galega ten unha elevada importancia.