O alcalde de Arteixo impediu que Alternativa dos Veciños presentara as súas cuestións relativas á necesidade da paralización cautelar destes proxectos, ata que se informe á cidadanía sobre as consecuencias que a súa instalación no Porto Exterior podería ter para a saúde pública e o medio ambiente.
Este proxecto súmase a unha serie de iniciativas que, segundo Alternativa, non deberían considerarse propias dun Porto como o proxecto experimental de eólica mariña, proxecto eólico terrestre, a planta de producción de amoníaco, a planta de produción de hidróxeno verde…
Alternativa dos Veciños lembra que a veciñanza de Arteixo xa sofre a diario unha pésima calidade do aire, focos de contaminación en augas, contaminación acústica, tráfico pesado, deterioro de praias e arenais, verteduras de residuos incontrolados, expropiacións a veciñanza e unha longa lista de molestias que condicionan a calidade de vida da cidadanía, ademais de xerar un claro impacto medioambiental negativo.