O concelleiro de urbanismo investigado por un presunto delito contra a ordenación do territorio
O concelleiro de urbanismo, e a aparelladora do Concello de Cambre foron chamados a comparecer ante os xulgados o próximo 19 de novembro, polo presunto delito cometido no pavillón polideportivo de Anceis, que continúa sen dar servizo a veciñanza.
Alternativa dos Veciños denunciou os feitos ante a Fiscalía, que observou indicios de delito contra a ordenación do territorio, prevaricación e falsidade documental.
Numerosos veciños e veciñas trasladaron a este grupo municipal durante a mañá a súa perda de confianza e a preocupación, sobre todo, polas moitas das accións urbanísticas iniciadas polo goberno municipal.
Alternativa permanecerá vixiante e confía en que este sexa un punto de inflexión para un cambio nas políticas urbanísticas que o goberno municipal está a impoñer, trampeando a lei e onde o obxectivo primordial non está a ser as necesidades da veciñanza.
Este caso non é o único, senón que entendemos que hai máis actuacións que posiblemente non se axusten á legalidade, como é o convenio das Casas Bailly no que se cambia a calificación dos terreos e incrementase a densidade de edificabilidade.