Desde Alternativa dos Veciños de Cangas queremos denunciar con firmeza o estado de abandono e deterioro que sofre o cemiterio municipal situado no centro da nosa vila. Un espazo cargado de historia, que alberga esculturas, panteóns e elementos protexidos pola Dirección Xeral de Patrimonio, está a caer aos anacos. A súa imaxe actual lembra máis a unha escena de película de terror que a un lugar de respecto e memoria.
Este camposanto, situado nun enclave central e de alto valor patrimonial, leva anos sen recibir o mantemento que precisa. Os muros caídos, a vexetación sen control, a falta de limpeza e a degradación das obras escultóricas poñen en perigo un espazo único, non só pola súa función funeraria senón tamén polo seu valor cultural e artistico.
Mentres tanto, o cemiterio de Coiro —nun estado tamén crítico hai uns anos— foi rehabilitado durante o mandato da anterior corporación municipal, coa alcaldesa Victoria Portas á fronte. Este exemplo demostra que cando hai vontade política, é posible recuperar espazos de memoria dignos e seguros.
Exiximos ao actual Goberno local que actúe con urxencia. Non é admisible que un cemiterio protexido, situado en pleno corazón de Cangas, continúe nesta situación. Urxe un plan de recuperación, restauración e posta en valor que poña fin a esta degradación intolerable.
Desde Alternativa dos Veciños, seguiremos vixiantes e levando esta denuncia aos plenos municipais e á opinión pública, porque a memoria merece dignidade e o patrimonio, respecto.