A mellora da pasarela de Santa Cruz será un feito grazas á entrevista que mantiveron o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane e o concelleiro de Obras Públicas, Antonio Molinos, co secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán e algúns dos seus colaboradores.
A entrevista fora solicitada con dous motivos: a pasarela e a conclusión das obras sen rematar no paseo da ría para conseguir a continuidade lineal do paseo da ría en condicións de seguridade, obra que quedara inconclusa ao rematar o dragado da ría.
Neste sentido, representantes do ministerio visitarán a zona para determinar as posibles solucións á conexión, de tal xeito que a mobilidade entre os concellos de Cambre e Oleiros sexa posible por medios naturais, co que a ponte da ría do Burgo quedaría unida con Santa Cristina e Santa Cruz para peóns e bicis. De Naval a Canide está en vías de solución a través da costa de Dorneda, e dese punto de Maianca ao Monumento Natural de Dexo xa existe unha vía pública costreira, co que toda a costa de Oleiros quedará unida en poucos anos.
No encontro, que resultou moi cordial, non puido determinarse se a pasarela do castelo sería arranxada, ou compensará a construción dunha nova, pero en calquera caso resultará unha acción a moi curto prazo.