Un novo cartel permanente de perigo foi instalado nunha estrada da Xunta en Oleiros para advertir á veciñanza que a rúa non cumpre os mínimos imprescindibles para unhas condicións mínimas de seguridade viaria.
Tras a avenida de Isaac Díaz Pardo, entre Os Regos e Coruxo, esta vez tocoulle á República do Uruguai, entre Xaz e Oleiros. Os veciños e veciñas de Oleiros e Dorneda teñen que xogarse a vida literalmente para poder desprazarse a pé por esta estrada da Xunta de Galicia que non está dotada de beirarrúas.
O tramo ciclopeonil que o Concello obrigou a construír aos propietarios dos terreos da urbanización de Xaz debe ser continuado ata Oleiros, para facilitar a mobilidade segura de peóns e bicis entre Dorneda e Oleiros. Desde a urbanización O Bosque ata a rúa Cobo, unha zona moi sinuosa de case un km de lonxitude, non dispón de beirarrúas nen ningún tipo de protección peonil.