Desde Alternativa dos Veciños consideramos positiva calquera investimento público destinado a mellorar a saúde, o benestar e a calidade de vida da veciñanza. Porén, entendemos que, antes de anunciar grandes investimentos para ocupar titulares nos medios de comunicación, é necesario revisar o estado das instalacións deportivas xa existentes e garantir unhas condicións dignas para a práctica deportiva en todo o municipio.
Actualmente, en distintas parroquias de Arteixo impártense actividades deportivas municipais en locais sociais que non reúnen as condicións axeitadas para este tipo de prácticas. Consideramos prioritario acondicionar estes espazos e garantir que as persoas usuarias das escolas deportivas municipais poidan desenvolver as súas actividades en condicións adecuadas.
Por outra banda, tamén cómpre prestar atención ás condicións laborais das persoas monitoras encargadas de impartir estas actividades. A rotación frecuente de profesionais, segundo a información da que dispoñemos, dificulta a continuidade das clases e afecta á estabilidade e á calidade do servizo que recibe a veciñanza.
Finalmente, queremos lembrar que o pavillón deportivo anunciado neste mes de outubro non é unha proposta nova. Xa en 2023 se falaba da construción desta instalación, cun investimento estimado de 3,5 millóns de euros. Tres anos despois, o proxecto volve ocupar titulares, agora cunha previsión de investimento de 7 millóns de euros.