Para continuar a campaña de descrédito contra Alternativa, co obxectivo de sacarnos votos o domingo en todos os concellos nos que nos presentamos, un destacado medio de comunicación galego acúsanos hoxe de pirómanos. Difunden unha noticia falsa, dándolle voz a un individuo de extrema dereita, sen contrastar absolutamente nada do que publicaron.
O incendio ao que se refiren foi o 17 de abril e a publicación das candidaturas 9 días despois, o 26, polo que a versión do periódico é absolutamente falsa. A nave en cuestión xa ardera o 23 de xuño de 2015 e estaba denunciada polo Seprona desde o 2020 polo abandono de máis de 1.000 neumáticos. A Garda Civil tiña abertas dilixencias desde agosto pola existencia dunha conexión eléctrica ilegal, vehículos abandonados e actividades clandestinas.
PP e PSOE pretenden evitar a toda costa que Alternativa dos Veciños incremente a súa presenza na Deputación. Este é o motivo desta campaña antidemocrática que se sirve do control que teñen estes partidos e os grupos de poder sobre os medios de comunicación.