As novas condicións económicas que A Coruña espuxo ao resto dos concellos da área metropolitana para utilizar a planta de tratamento do lixo de Nostián achéganse máis á realidade e fai posible que os municipios se integren neste sistema que foi pioneiro no seu día, pero que hoxe presenta unha xestión pouco atractiva.
Unha xuntanza de alcaldes da comarca resultou moi positiva para achegar posturas en torno ao prezo de tratamento do lixo. Partíase de que antes da reunión o importe estaba en 125 euros por tonelada, algo que contrastaba rotundamente cos 86 euros por tm que ofrecía Sogama. A nova fórmula ideada por Nostián puido ofrecer un importe de 95 euros, algo que permite aos concellos manter o nivel que existe na actualidade.
En palabras do alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, “esta reunión foi moi positiva para todos, principalmente para o Concello da Coruña, porque se nos íamos os concellos da area metropolitana de Nostián, A Coruña encontrábase cun problema”, en referencia á situación laboral dos 120 traballadores e traballadoras da pranta, que tería que sofrir un importante recorte de persoal se os concellos da comarca se retiraban do sistema.
O acordo entre os responsables locais foi froitífero e supuxo o inicio da documentación burocrática para poñelo en práctica e que comece a dar froitos previsiblemente no mes de outubro.