Necesitamos formalizar a Área Metropolitana da Coruña

O principal reto político deste século é poder xestionar conxuntamente os servizos e infraestruturas da metrópole máis puxante de Galicia

Con grande sentido da responsabilidade, La Voz de Galicia está a abrir un necesario debate sobre o futuro da nosa comarca. Mentres os principais actores políticos calan ou falan con ambigüidade pensando en clave electoralista; é moi satisfactorio comprobar como distintos profesionais e técnicos de recoñecido prestixio confirman o que desde o Concello de Oleiros levamos defendendo desde hai moitos anos: a necesidade de crear a Área Metropolitana da Coruña.

Ese é o principal reto político para este século, constituír unha institución supramunicipal formada polos concellos da comarca coruñesa para a prestación de servizos públicos conxuntos máis eficientemente; así como coordinar, impulsar e reclamar a creación das infraestruturas xerais necesarias para o progreso social e económico.

É a cidade, como cabeza indiscutible desta gran metrópole, quen ten a obriga de comandar o proceso e deixar atrás dunha vez a todos os alcaldes que nunca miraron máis alá dos Castros. Os localismos rancios, os intereses partidistas e as mentalidades obtusas non son máis que freos para a mellora da calidade de vida das persoas.

Só desde unha visión metropolitana, con altura de miras e sensibilidade lograremos resolver os problemas reais da cidadanía, sendo o principal neste momento o da mobilidade. É insultante escoitar discursos sobre sustentabilidade, medio ambiente, uso do coche… é que despois dispoñamos dun transporte público–competencia da Xunta- totalmente desfasado; ou unhas vías de acceso á cidade ao borde do colapso tras décadas de abandono de Xunta e Estado.

Miles de persoas, día si e día tamén, chegan tarde a traballos, clases, citas médicas,… Ademais do prexuízo económico para as empresas. Nos últimos 40 anos a poboación desta comarca incrementouse en 100.000 persoas, que cada vez nos movemos máis, pero seguimos prácticamente coa mesma infraestrutura viaria, agardando pola conexión da vía Ártabra coa AP-9 e A-6, ampliacións da ponte Pasaxe e Alfonso Molina, Vial 18, 4ª Ronda,…

Pero ademais dunha mobilidade moito máis áxil, hai outros asuntos de máxima relevancia como renovar as redes xerais e depósitos de auga para garantir o abastecemento aos concellos, mellorar redes de saneamento e depuración, acadar un tratamento de residuos máis eficiente… E moitas outras posibilidades de cooperación en distintos campos, sen renunciar tampouco á independencia de cada consistorio.

Somos a primeira metrópole galega e unha das máis puxantes do Estado, pero estamos nun punto de non retorno. Ou cambiamos á velocidade que o fai a sociedade, ou antes ou despois transitaremos cara a decadencia. O principal motor económico, social e humano de Galicia non pode quedar supeditado ás liortas e enfrotamentos de PP e PSOE. Os cálculos electorais ou as directrices políticas ditadas desde Santiago ou Madrid non poden frear durante máis tempo a constitución da Área Metropolitana da Coruña. Non o permitamos.

Comparte esta nova!