As Merendiñas non son un xantar calquera deses que os concellos fan para as persoas maiores. Normalmente, noutros lugares contratan un cátering, reservan un pavillón e alí reunen á terceira idade. As Merendiñas teñen un factor diferencial que as convirten nun día moi especial: a participación das veciñas e veciños que o desexan.
A organización da festa está aberta a todo o que queira axudar, se ben os reis e raíñas da xornada son as persoas maiores, que chegan a mesa posta. Antes, a organización municipal merca directamente o xantar e prepara pratos e todo o servizo necesario para que cando chegue a xente todo estea a punto.
Tamén se contrata a música en directo para que non falte de nada na celebración, proque ante todo Merendiñas son unha festa e como festa debe organizarse.
Así non só se goza dun día de festa para todas e todos, senón que se fai comunidade, se reforza o compromiso cos demáis e se ofrece un agasallo ás persoas que máis o merecen. Tamén se aproveita para o sano contacto interxeneracional e para compartir as vivencias daquelas persoas que só se ven de ano en ano.