Merendiñas, máis ca unha festa

O voluntariado, parte fundamental dunha romaría chea de boa vontade

Todo paga a pena para que 1.400 persoas maiores poidan gozar dunha xornada festiva, de convivencia, participación e boas vibracións nun lugar tan especial como os xardíns das Torres de Santa Cruz. Van 28 edicións, o primeiro sábado de xuño.

Esta festa é unha data sinalada en vermello no calendario anual, xa que a convivencia, as experiencias conxuntas e o intercambio cultural enriquecen a vida das persoas e danlle unha dimensión máis intensa a unha idade na que xa se conquistou o dereito a vivir con ledicia tras unha vida de traballos.

Mención especial merecen as máis de cen persoas voluntarias que participan na organización das Merendiñas, que fan desta festa un evento totalmente único e que resultan imprescindibles para que poida facerse.

O mellor de cada persoa

As Merendiñas son moito máis ca unha festa para maiores. É unha xuntanza que resume a mellor vontade das veciñas e veciños de Oleiros, unha especie de expresión do mellor de cada persoa que participa como voluntaria ou voluntario elaborando e servindo o xantar baixo as frondosas árbores do Parque das Torres.

Estar en política é dar aos demáis o mellor do que podemos. É convertir unha pequena parte do noso esforzo persoal nunha colaboración desinteresada ao servizo da cidadanía, ofrecerlle ás 1.400 persoas maiores de Oleiros que se xuntan no parque un xantar con música, convivencia e festa, ao xeito das mellores romarías do país.

Merendiñas ofrece un espazo festivo e desenfadado para contarse cousas da vida, para ver a xente doutras parroquias, ou da mesma, pero que non se ven a diario, para bailar e troulear un pouco e pasar un día distinto, agradable e feliz.

É un lugar para a sociabilidade e o intercambio, dos moitos que temos para facer municipio, para aprofundar na nosa personalidade colectiva, para reafirmar que somos un concello especial, singular.

Un piropo do PSOE

As máis de cen persoas voluntarias que regalan aos demáis o traballo voluntario dun espléndido día de praia merecen un gran respecto e todo o noso agradecemento. A elas foi dirixido o “piropo” do PSOE, que chegou a dicir que Merendiñas era unha compra de vontades.

Quen pense que as persoas maiores de Oleiros véndense por un prato de lentellas, ten moi pouca estima polas súas veciñas e veciños… directamente resulta unha mensaxe miserenta.

Comparte esta nova!