af

O mércores comeza a XXVII edición de Alfaroleiros

O parque Luis Seoane de Santa Cruz acollerá, entre os días 4 e 8 de agosto, a XXVII edición de Alfaroleiros. A feira de olería máis importante de toda España, tal e como a cualifican os profesionais do sector, concentrará un ano máis os mellores oleiros tradicionais da Península ibérica que destacan por ser únicos nas súas respectivas zonas de procedencia e pola calidade e pureza dos seus traballos. O horario de exposición e venda será de 10:00 a 22:00 horas.

O acto de inauguración desta nova edición de Alfaroleiros terá lugar o vindeiro mércores día 4, ás 12:30 horas, no parque Luis Seoane.

Paralelamente á feira, o Concello organiza numerosos espectáculos e actividades gratuítas. En todos os casos a capacidade estará controlada, será obrigatorio gardar a distancia de seguridade e o uso de máscara para maiores de 6 anos, así como cumprir as normas e respectar as indicacións da organización.

O luns día 2 de agosto abrirá a inscrición para asistir aos concertos e á proxección de Cuñados, chamando ao 981 610 000 polas tardes de 15.00 a 19.00 horas e o propio día de cada un dos espectáculos ata as 12.00 horas. A reserva de prazas para o concerto do sábado quedará tamén pechada o venres ás 12.00 h.

Para todas as demais actividades, así como para as vacantes que puidese haber nos concertos e na proxección de Cuñados, a reserva de praza realizarase na propia feira, no posto do Concello de Oleiros, a partir das 19.00 horas.

Prégase puntualidade nos diferentes espectáculos. No caso de non presentarse e habendo xente agardando disporase das entradas non utilizadas.

PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES

Novas relacionadas