asemblea-mera

A asemblea de Mera elixe a Marga Figueroa, Pablo Cibeira, María Siso, Mapi Taibo e Francisco Pita como candidatos para as primarias

Máis dun cento de veciños e veciñas de Mera participaron na asemblea celebrada na Casa do pobo para escoller ás persoas que representarán ás parroquias de Serantes e Maianca nas eleccións primarias de Alternativa dos Veciños. Marga Figueroa Vázquez, Pablo Cibeira Taboada, María Siso Vecino, María de Pilar Taibo Rodríguez e Francisco Pita Pedreira foron elixidos por unanimidade polos asistentes á asemblea. 

A asemblea desenvolveuse nun clima moi participativo. O representante de Serantes na executiva de Alternativa dos Veciños, Andrés Sánchez Abanses, foi o encargado de presentar asemblea e posteriormente o presidente, Ángel García Seoane, presentou ás persoas que foron escollidas previamente polas comisións de seguimento de Serantes e Maianca, destacando a súas cualidades e súa traxectoria.

Unha vez proclamados os candidatos, García Seoane destacou a importancia das vindeiras eleccións municipais para consolidar o proxecto de Alternativa dos Veciños en Oleiros e seguir contando con representación na Deputación da Coruña para mellorar e incrementar os servizos e as infraestruturas, tanto no municipio como na comarca. No caso concreto de Mera destacou que durante a presente lexislatura abriuse un novo tramo de paseo marítimo entre Santa Ana e Canide, creouse o carril bici que conecta Mera con Santa Cruz, dotouse dunha cuberta á praza do parque da Lagoa, ampliouse a Casa do pobo e creáronse novas instalacións para a Asociación de Veciños San Cosme de Maianca e para o Centro Deportivo Mariñeiro de Mera. O presidente de Alternativa dos Veciños tamén informou que nos vindeiros días rematará o proceso de licitación da ampliación da estrada da Besta, que conecta o centro de Mera coa vía Ártabra, estando previsto comecen as obras nos primeiros meses do vindeiro ano.

Marga Figueroa (1959) é mestra. Concelleira desde o ano 2011, actualmente é a segunda tenente de alcalde e a responsable das áreas de Participación Cidadá, Cooperación e Recursos Humanos. Tamén forma parte das executivas de Alternativa dos Veciños e do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Ademais, leva vencellada ao movemento veciñal do municipio desde hai máis de 30 anos.

Pablo Cibeira Taboada (1987) é xornalista. Concelleiro desde o ano 2015, actualmente é o responsable das áreas de Comunicación e Novas Tecnoloxías da Información. Tamén é remeiro do Centro Deportivo Mariñeiro de Mera.

María de los Ángeles Siso Vecino (1974) é mestra. Participou desde a súa xuventude no movemento social da localidade. É a actual presidenta da Asociación de Veciños San Cosme de Maianca e forma parte da executiva de Alternativa dos Veciños.

María del Pilar Taibo Rodríguez (1964) é diplomada en Ciencias Empresariais. Forma parte do corpo técnico da Axencia Tributaria na Delegación da Coruña. Está vencellada á Agrupación Cultural A Marola de Mera.

Francisco Pita Pedreira (1966) traballa en Telefónica desde hai 30 anos. Tamén é patrón de altura da mariña mercante.

Novas relacionadas