Mera reclama que a Casa do Mar se convirta en Centro de Saúde

Concentración diante do edificio o domingo 28 de xaneiro ás 13 horas

Hoxe a Casa do Mar de Mera ten un consultorio médico na pranta baixa e nada —ou case nada— na superior, un espazo pantasma que só acolle unha sesión de pilates á semana. A veciñanza está farta desta situación e o domingo, 28, á unha da tarde, protestará ante o edificio.

Unha situación que a Xunta mantén así desde hai 12 anos, que reformou a pranta alta para crear un centro de día e non o fixo, pese a que nos informes das subvencións que viñeron de Europa para a obra que fixeron, figuraba esa xustificación.

Hoxe, as listas de agarda que chegan aos 8 días en pediatría e a 16 en enfermería, pero a Xunta sigue sen mover ficha. Pídese que se convirta o edificio nun centro de saúde con servizos médicos relacionados con saúde mental, radioloxía, nutrición, fisioterapia e rehabilitación.

Ademáis, debería mellorarse a atención primaria ás 5.000 persoas que viven nas parroquias de Dexo, Serantes e Maianca, unha zona bastante presionada polas segundas residencias que no verán incrementan a poboación. Iso desatascaría a presión que teñen os centros de saúde de Santa Cruz e Oleiros.

Comparte esta nova!