Mera reclama mellor atención sanitaria na Casa do Mar

Veciñanza de Dexo, Serantes e Maianca concéntranse diante do edificio para esixir un centro de saúde en condicións con novas especialidades

Un centro de saúde que realmente responda ás necesidades dos máis de 5.000 habitantes de Dexo, Serantes e Maianca foi o que reclamaron os centos de persoas concentradas o domingo 28 de xaneiro ás portas da Casa do Mar de Mera.

O concelleiro Pablo Cibeira foi claro: “Sete horas semanais de pediatra para 654 nenas e nenos é vergonzoso. Así están as listas de espera tanto de atención médica como de enfermería”.

A concentración foi convocada polo goberno municipal da Alternativa e asistiron representantes de toda a veciñanza das tres parroquias do norte nunha mañá soleada de domingo na que o alcalde, Ángel García Seoane, e o resto do goberno aplaudiron a Cibeira cando se dirixía á veciñanza reclamando, entre outras cousas, que arranxen os danos estruturais do actual edificio e usen a pranta alta para novos servizos que deben implementarse.

O asunto do edificio tiña ademáis moita importancia, pois o PSOE meteu barullo co asunto ao non apoiar a moción que Alternativa presentou ao Pleno Municipal. Tras defender á Xunta, os concelleiros socialistas pediron nada menos que construir outro edificio novo, unha manobra a todas luces perversa, pois só sirve para desviar a atención e aprazar a solución. “Realmente, o que queira o PSOE coa súa provocación ao alcalde no Pleno era crear barullo mediático para que non se falase desta demanda veciñal”.

Resulta notorio que o actual edificio da Casa do Mar ten espazo de sobra para albergar este servizo sanitario cunha mínima reforma, sen que sexa necesario un grande investimento. Unha pranta superior na que, tal como lembrou Cibeira, só hai na actualidade unha sesión de pilates ás semana “para iso teñen contratados servizos de direción e de conserxería: dous soldos para unha actividade. Ademáis, no seu día, para facer a reforma, botaron dese lugar á Asociación de Veciños de San Cosme”.

Esta concentración está demostrando unha unanimidade básica entre a veciñanza do norte do municipio nestas demandas xustas: “Que melloren pediatría e medicina xeral e traian novos servizos como saúde mental, nutrición, fisioterapia, radioloxía, e rehabilitación para a pranta alta e que remate ese despilfarro de recursos”, dixo Pablo Cibeira.

Comparte esta nova!