Cando non hai normas impera o salvaxismo, a lei animal do máis forte. Iso é o que está a suceder no mundo onde o incumprimento sistemático do Dereito Internacional, da Carta das Nacións Unidas, do Dereito Internacional Humanitario e de todo canto tratado e consenso multilateral se estableceu para unha cordial relación entre os distintos Estados, está a saltar polos aires.
O sistema autoritario que está a impoñer Donald Trump internamente nos Estados Unidos, cunha milicia que asasina impunemente e o despregamento do exército para reprimir territorios que non lle son afíns, saltando as garantías constitucionais e a separación de poderes, pretende estendelo tamén ao mundo. Pero ollo, non se trata de ideoloxía ou seguridade nacional, senón simplemente de saquear países para lucro persoal del e de aqueles oligarcas e intereses corporativos máis próximos.
Esa forma de actuar do presidente norteamericano está a causar pavor nos Gobernos democráticos de occidente, que ante o temor a represalias económicas ou militares como aranceis ou intervencións, optan por calar e mirar cara outro lado ante as accións unilaterais de EE.UU., non vaia ser que acaben detidos nun cárcere americano. Esta submisión diplomática deixa vía libre a unha política de feitos consumados onde a soberanía nacional é un concepto obsoleto. É dicir, a democracia está morta.
Trump impuxo unha visión onde o dereito internacional só se aplica se el o decide, definíndose como o único árbitro das súas propias regras. Este matonismo xeopolítico e mercantilista está a provocar o sufrimento de millóns de persoas en todo o mundo que ven como os seus dereitos fundamentais son sacrificados no altar de Washington. O bloqueo económico e a intervención armada son hoxe as ferramentas de extorsión dun autócrata que non recoñece máis límite que a súa propia vontade.
É necesaria unha resposta coordinada e firme por parte da comunidade internacional. A ruptura das normas básicas permitiu que a administración Trump opere como un auténtico matón, poñendo en xaque o sistema creado hai 80 anos para evitar, precisamente, a barbarie que hoxe asoma de novo. Palestina, Venezuela, Groenlandia, Cuba, Irán, Líbano… —independentemente das circunstancias particulares de cada un destes países, estamos ante o fracaso total da diplomacia e os organismos internacionais. Ou derrotamos á besta ou a dignidade humana desaparecerá do mundo.