Marquesiña para Santo Domingo, en Cangas

A veciñanza de Santo Domingo e a Pedreira, púxose en contacto con Alternativa para que lles axudáramos a solicitar unha marquesina para a PO-551

Tras as obras que realizou a AXI nese espazo, a empresa trasladou unha marquesiña xa existente á beirarrúa esquerda, pero a súa ubicación “escondida” non permite moito a visibilidade da chegada dos autobuses, polo que solicitan unha reubicación, na mesma marxe, para que non quede tan escondida.

E tamén demandan outra marquesiña para a outra beirarrúa, xa que dada a perigosidade do vial o que non poden, nin as persoas nin as crianzas, é abrigarse na existente e logo cruzar o vial no momento de achegarse o autobús.  E pola contra o lugar do que falamos é un espazo que quedou moi amplo e sen problemas de poder ter a súa propia marquesiña. Un lugar no que é dificil de resgardarse xa que está totalmente despexado.

Temos que lembrar que nese punto o transporte público existente é numerosísimo xa que coinciden tanto o transporte escolar que realiza as rutas para centros educativos como A Rúa, Rodeira, Pondal, Lar, Institutos de Moaña, a universidade do CUVI e os institutos do Meixoeiro, como liñas para Citroen e as enfermeiras do Meixoeiro, e tamén as liñas regulares de dirección Moaña e Vigo. É por tanto un punto de moito movemento de persoas e crianzas, algo digno de ter en conta e facer frente á súa demanda.

Alternativa faise eco desta demanda e xa trasladou ao concello, por rexistro de entrada, a petición ao Goberno Municipal de que se traslade á empresa a colocación e reubicación das marquesiñas.

Comparte esta nova!