O Concello de Oleiros, liderado por Alternativa, ven de aprobar un orzamento expansivo que cos seus 47,8 millóns de euros será quen de realizar os investimentos acordados coa veciñanza, prestar un gran número de servizos públicos, organizar un sinfín de actividades culturais, educativas, deportivas e solidarias, e manter o alto ritmo de apoio á vida das persoas que por unha ou outra razón o necesitan.
Tras actualizar taxas e impostos para equiparalos á media dos municipios da comarca, porgramáronse unha serie de obras tanto novas como de mantemento para que tanto a rede viaria como as infraestruturas e equipamentos principais continúen ofrecendo altos índices de calidade, especialmente aqueles servizos urbanos como a conducción de augas, os lixiviados, as pluviais, a mellora de parques, a construción dun estacionamento perto da entrada para Seixo Branco ou a anualidade correspondente ao multiusos de Bastiagueiro.
Se a todo ese capítulo de investimentos dedícase o 36,1% dos gastos, aos bens correntes e servizos públicos van parar o 32,7, que teñen como destino os servizos sociais, a cultura, o deporte, o apoio á educación e a solidariedade. En conxunto, dous tercios das contas van dedicadas directamente ao servizo á veciñanza, algo ao que tamén se destina a outra grande partida, a de persoal, que chega ao 26,6% do orzamento.
En canto se coñeza como quedaron as contas deste ano saberase que remanente pode incorporarse ás de 2025, e entón poderemos coñecer o importe real do endebedamento que necesitará o concello para levar adiante os seus obxectivos de gasto o próximo ano.