Asistimos a unha situación horrible na nosa terra. O éxodo forzado do noso campo, que xa dura 200 anos e parece non ter fin, tráenos estas terribles consecuencias.
Durante os dous últimos séculos soportamos épocas moi escuras. A necesidade obrigounos a deixar as nosas aldeas e o noso modo de vida para sacar a fame das nosas familias. Non só marchamos a cidades e vilas próximas, senón que tivemos que irnos a continentes afastados.
Caciques locais e gobernantes ruíns botáronnos das nosas casas coas súas mediocres e daniñas actuacións para Galicia. Pero é que nin durante os máis de 40 anos de democracia se lle quixo poñer remedio a este terrorífico mal para a nosa terra, con gobernos principalmente do PP, pero tamén do PSOE e BNG.
O cambio climático, a seca, a falta de medios de extinción, a inexistencia de tarefas de prevención efectivas, os pirómanos… Son causas innegables dos lumes. Pero á marxe diso, a realidade é que fronte ao abandono exponencial do noso medio rural desde as administracións públicas non se fai nada que resulte efectivo. Fotos, anuncios, subvencións para amigos e pouco máis. O caciquismo e a compra de vontades continúa funcionando a pleno rendemento.
Unha alimentación globalizada é unha das principais causas do despoboamento e o abandono do rural. Os gobernos, deixando todo nas mans do libre comercio, non atina a desenvolver un mercado alimentario propio, de proximidade, con capacidade para producir, procesar e poñer alimentos nos supermercados á altura das demandas dos consumidores de hoxendía. Un túnel ao que non se lle ve saída.
O rural galego precisa con urxencia do desenvolvemento dun novo modelo económico e social que debería partir dunha reforma agraria, para acabar co minifundismo e crear as bolsas de solo necesarias para poder traballar e vivir do campo con dignidade. E, en paralelo, ampliar a prestación de servizos para que calquera familia que aposte por vivir no rural teña acceso á educación, cultura, deporte, transporte, lecer, internet…
Poderemos investir centos de millóns en ter máis helicópteros, hidroavións, brigadistas, cortalumes…, pero mentres sigamos nas mesmas o lume seguirá arrasando esta terra tan fértil, próspera e fermosa que non aproveitamos pola inexistencia de ferramentas para facelo. Non me sirva o peixe no prato, entrégueme as redes e ensíneme a pescar.