O voceiro provincial de Alternativa dos Veciños pide a dimisión de Liñares como deputado
Este luns o voceiro provincial de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, comentou a recentemente coñecida condena do alcalde de Cerceda e Deputado provincial José Luís García Liñares a un ano e medio de cárcere e 16 de inhabilitación por prevaricación e fraude á Administración Pública.
Na súa intervención dos luns no programa matinal de Radio Voz “Voces de A Coruña”, o voceiro de Alternativa instou ao Goberno provincial conformado por PSOE e BNG a tomar unha decisión sobre o futuro de Liñares como deputado provincial: “O PSOE ten que tomar unha decisión”, remarcou Seoane. Gelo tamén quixo destacar as discrepancias que o Grupo provincial de Alternativa dos Veciños leva tendo toda esta lexislatura coa toma de decisións do Goberno provincial na Área de Deportes, que lidera precisamente o alcalde de Cerceda: “Cando van a comisión temas da área deste deputado suelo discrepar”, xustifica García Seoane. Así o demostran os datos, xa que dos 14 asuntos levados a pleno en 2018 pola Área de Deportes xestionada por García Liñares na Deputación da Coruña, Alternativa dos Veciños so votou favorablemente en 2, sendo o grupo máis discrepante do Pleno. Esta situación é constante desde o inicio da lexislatura: nos anos 2015, 2016 e 2017 Alternativa dos Veciños votou en contra de 18 asuntos levados a pleno pola Área de Deporte.
“Creo que a este señor lle chegou o tempo de marcharse para casa”, sentencia Gelo ao final da súa intervención en referencia ao aínda alcalde de Cerceda, José Luís García Liñares.