Juan Fariña será o candidato de Alternativa dos Veciños en Bergondo
Juan Antonio Fariña Pedreira foi presentado por Ángel García Seoane, presidente de Alternativa dos Veciños, como cabeza de lista no concello de Bergondo. Fariña é actualmente o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de infraestruturas, urbanismo e medio ambiente.
O traballo de Juan Fariña e Eloy Babío no Goberno municipal de Bergondo durante a presente lexislatura supuxo un punto de inflexión na acción de goberno. “Houbo avances que calquera observador obxectivo pode apreciar. Mais isto non nos impide recoñecer que aínda existen múltiples carencias e que queda moito por facer para chegar á ‘primeira división’ dos concellos”, comentou o candidato.
Para seguir nesa senda de traballo e de melloras paulatinas, Bergondo precisa unha renovación na maioría de goberno. “Contamos coa experiencia e co asesoramento de Alternativa dos Veciños e cremos que podemos chegar moi lonxe como concello”, sinalou Fariña.
“Fariña é un home capaz, con experiencia, cun importante percorrido político, que sabe xestionar e que podería ser un gran alcalde para Bergondo”, comentou Ángel García Seoane.