José Couso: un clamor desde Oleiros contra as guerras dos Estados Unidos no mundo

Un emotivo acto con familiares do xornalista ferrolán, que non cansan de pedir xustiza para o seu asesinato

Un emotivo acto de lembranza no Parque José Couso, dedicado desde hai 10 anos ao xornalista asesinado por soldados americanos no Hotel Palestina de Bagdad, serviu para facer un repaso das guerras que Estados Unidos impulsa en todo o mundo. “Mentres viva, confesou o seu tío Rafael Permuy, non deixarei de reclamar xustiza e reparación”.

O alcalde, Ángel García Seoane, dixo que é a avaricia capitalista todo o que move os confictos bélicos: “As guerras non son guerras de países, son guerras de capital, de diñeiro, de negocios. As persoas somos simples peóns en mans deses poderosos que son capaces de destruir países enteiros para cumprir os seus obxectivos de dominación, como sucedeu en Irak, en Libia, en Sudán, e como o que está a suceder en Gaza”

O xornalista asesinado foi “un profesional da nosa terra atacado covardemente xunto a outros compañeiros mentres facían o seu traballo de informarnos, porque a pesar das numerosas presións exercidas polos Gobernos de Bush e Aznar, houbo xornalistas decentes e valentes como José Couso que decidiron arriscar a súa vida para que puidésemos coñecer que a realidade non era a que nos contaba o chamado trío das Azores: non había armas de destrucción masiva en Iraq, tal e como anos despois recoñeceron Bush e Blair, a diferencia de Aznar que segue instalado na mentira”, dixo o alcalde.

Dous tíos de Couso falaron do penoso proceso xudicial que levan vivido todos estes anos. A xustiza española —por presión norteamericana— non quixo sentar un soldado estadounidense no banquiño, pero o proceso está vivo nun tribunal europeo. No acto tamén participou o xornalista Alfonso Hermida, da plataforma Defende a Galega, que foi galardoada co Premio José Couso do Colexio de Xornalistas de Galicia, pola súa defensa dos medios públicos do país.

No acto tamén tomaron parte o cuarteto de gaitas Os Ozóns, así como os cantautores César de Centi e Fito Mansilla.

Interesante contido na wikipedia sobre José Couso.

Comparte esta nova!