Con todo merecemento, o Día das Artes Galegas que se celebra hoxe está dedicado a Isaac Díaz Pardo, un dos artistas máis importantes da historia contemporánea de Galicia. Comprometido, innovador, humilde, precursor, avezado, galeguista… non hai loubanzas suficientes para definir e cualificar a súa extraordinaria capacidade artística e calidade humana.
Isaac Díaz Pardo colaborou estreitamente co Goberno municipal de Alternativa dos Veciños. Sempre disposto a apoiar e asesorar, cunha grande implicación, demostrou unha grande simpatía e aprecio por Oleiros.
Isaac Díaz Pardo dá nome ao Centro Municipal de Formación situado nos Regos e á avenida que conecta Coruxo e Oleiros. O Castelo de Santa Cruz tamén alberga a exposición permanente ENSAMBLEISAAC, con obras literarias, pictóricas, fotográficas e musicais que fan referencia á súa figura.
O seu activo papel tamén tivo relación co Monumento á Emigración do porto de Santa Cruz, impulsado por Díaz Pardo, realizada polo escultor Francisco Escudero sobre unha maqueta de Luis Seoane.