Insistir en que arranxen a depuradora do Quenllo, incluso desde a oposición

Concelleiros de Alternativa agardan ser citados polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández

O equipo de Alternativa dos Veciños de Carral hai meses solicitou novamente unha cita para reunirse o entón alcalde Javier Gestal e a concelleira de medioambiente co director de Augas de Galicia, Roi Fernandez Añón, para tratar a problemática da Edar do Quenllo e esixir novamente solucións inmediatas, como xa fixeran en anteriores ocasións.

Esa cita estaba programada para o 26 de setembro, pero dende Augas de Galicia, tras coñecer o cambio de goberno no Concello de Carral, comunicáronnos que a reunión non se podería celebrar.

Grazas á insistencia do equipo de AV Carral, o propio director de Augas, Roi Fernández, púxose en contacto coa nosa portavoz e comprometeuse a escoitarnos e recibirmos, aínda que, polo momento, será en calidade de veciños de Carral e con data por determinar.

Dende Alternativa dos Veciños seguiremos loitando e defendendo os intereses da veciñanza, confiando en que o director cumpra a súa palabra e nos cite canto antes.

Comparte esta nova!